Jacques Cartier
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde setembro de 2015.) |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 31 de decembro de 1491 Saint-Malo (Ducado da Bretaña) |
Morte | 1 de setembro de 1557 (65 anos) Saint-Malo, Francia |
Causa da morte | peste Tifo |
Lugar de sepultura | Saint-Malo Cathedral (en) |
Governor of New France (en) | |
24 de xullo de 1534 – 15 de xaneiro de 1541 ← sen valor – Jean-François de La Rocque de Roberval (pt) → Nomeado por: Francisco I de Francia | |
Actividade | |
Ocupación | Navegante, inventor, mariño, navegante, explorador, político |
Carreira militar | |
Rango militar | almirante |
Familia | |
Cónxuxe | Mary Catherine des Granches |
Descrito pola fonte | Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Obálky knih, |
Jacques Cartier, nado en Saint-Malo, Bretaña (Francia) o 31 de decembro de 1491 e finado o 1 de setembro de 1557 no mesmo lugar, foi un explorador francés.[1] Fíxose coñecido polas súas tres viaxes ao Canadá, nas que buscou o Paso do Noroeste, que permitiría unha ruta entre o océano Atlántico e o océano Pacífico polo norte de América. Nestas viaxes converteuse no primeiro explorador do Golfo de San Lourenzo (1534) e descubridor do Río San Lourenzo (1534), cartografando esa costa e denominándoa por primeira vez como Canadá.[1][2]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo de Jamet Cartier e Josselin Jansart, non se coñece moito sobre a súa infancia. Casou o 2 de maio de 1520 con Catherine, filla do condestábel de Saint-Malo, Jacques des Granches, matrimonio que mellorou notablemente a súa posición social.[3]
Algúns historiadores cren que antes das súas coñecidas viaxes ao actual Canadá Cartier xa tiña unha ampla experiencia como mariño, participando en expedicións á illa de Terra Nova, zona coñecida por pescadores vascos e bretóns, e á costa do Brasil en expedicións da frota normanda que partirían de Dieppe. Estas crenzas baséanse en varios indicios, como as constantes comparacións que fai entre os nativos de Nova Francia e os do Brasil, ademais do seu coñecemento do portugués. O bispo de Saint-Malo, Jean Le Veneur, tamén fai referencia a estas viaxes de Cartier ao presentalo ao Rei de Francia Francisco I en 1532, trala unión formal entre o Ducado da Bretaña e Francia, coma un "experimentado mariñeiro capaz de dirixir as naves ao descubrimento de novas terras no Novo Mundo".
Por outro lado tamén se cre que en 1524 participou na expedición que por encargo de Francisco I, dirixiu o mariño italiano Giovanni da Verrazzano; esta sería a primeira misión europea que explorou a costa atlántica de América do Norte dende Carolina do Sur ata Nova Escocia e Terra Nova.
Primeira viaxe (1534)
[editar | editar a fonte]No ano 1534 o rei de Francia encoméndalle o mando dunha expedición co propósito de atopar o Paso do Noroeste, que permitiría navegar entre o océano Atlántico e o Pacífico polo norte de América e establecer unha ruta comercial con Asia. Partiu de Saint-Malo o 20 de abril de 1534 ao mando de dous barcos e sesenta e un homes, tardando vinte días en chegar a Terra Nova.
O 10 de maio fondeou nas costas de Terra Nova, no porto de Santa Catalina, e bordeou a illa en dirección norte atopando o Estreito de Belle Isle polo que accedeu ao Golfo de San Lourenzo e seguiu bordeando a illa, agora a súa costa occidental, descubrindo as Illas da Madalena e a Illa do Príncipe Eduardo. Seguindo despois a costa do Golfo chegou ata a desembocadura do río San Lourenzo, a |Illa de Anticosti, que bautizou coma illa de l'Assomption, e a península de Gaspésie, onde tivo o primeiro encontro cos nativos do Canadá seguramente da tribo Micmac.
O 24 de xullo erixiu unha cruz de 10 metros de altura cas palabras viva o rei de Francia na costa da Baía de Gaspé, en territorio iroqués, tomando posesión do territorio en nome da coroa francesa. Con agasallos atraeu os fillos do xefe nativo Donnacona, Domagaya e Taignoagny, reténdoos conta a súa vontade e levándoos como reféns no seu regreso a Francia. Volveu a Saint-Malo o 5 de setembro de 1534.
Segunda viaxe (1535/36)
[editar | editar a fonte]A súa segunda expedición tivo comezo en 19 de maio de 1535 e constaba 110 home e de tres navíos, o La Grande Hermine (120 toneladas) baixo o seu mando directo, o Petite Hermine (60 toneladas) ao mando do seu cuñado Macé Jallobert e o L'Émérillon (40 toneladas) ao mando de Guillaume o bretón. Nesta expedición tamén viaxaban os dous nativos fillos do xefe iroqés reféns da primeira viaxe, que agora xa falaban francés.
O traxecto oceánico ata chegar ao continente americano transcorreu coma a vez anterior salvo polo feito de que os barcos foron separados polas tormentas, reuníndose outra vez as tres naves no Estreito de Belle Isle. Co consello dos dous nativos conseguiron chegar á desembocadura do Río San Lourenzo a través do estreito Jacques Cartier, entre a Illa Anticosti e o continente, e remontandoo chegaron ata a aldea iroquesa de Stadacona, onde Cartier se reuniu de novo co xefe Donnacona, liberando os seus fillos.
Cartier deixou os dous barcos maiores nun porto natural do río e seguiu remontándoo con corenta homes a bordo do L'Émérillion; a pesar de non seguir máis alá do lago Saint-Pierre a causa do caudal e os rápidos que presentaba o río nesa zona, bautizou esa zona como Lachine, ao pensar que ese río era o Paso do Noroeste e que os rápidos eran o único que o separaba da China, nome que aínda conservan tanto os rápidos coma a cidade que existe nesa localización. No traxecto, a uns 200 quilómetros río arriba de Stadacona, o 2 de outubro de 1535 chegou a un gran asentamento nativo, Hochelaga, aos pés do monte Royal, que co tempo sería a localización da cidade de Montreal.
Tras algún día en Hochelaga, Cartier volveu a Stadacona o 11 de outubro preparándose para pasar o inverno alí. Levantaron para tal efecto o forte de Santa Cruz, campamento que sería a orixe da cidade do Quebec. Salvo algún desacordo menor as relacións cos nativos foron boas e non desembocaron en actos violentos. Nese inverno Cartier confeccionou unha especie de dicionario xeográfico e etnográfico da zona como o uso do tabaco, cultivado e secado no verán e despois pulverizado e fumado.
O inverno foi tremendamente duro pese aos preparativos, os barcos franceses permaneceron atrapados no xeo dende novembro a mediados de abril do ano seguinte e a neve en terra superou o metro de espesor. Todo isto foi agravado polo feito de que tanto iroqueses coma franceses sufriron o escorbuto, mais un tratamento nativo permitiu a 85 dos 110 europeos sobrevivir á enfermidade.
O 6 de maio puxo rumbo a Francia, tras capturar o xefe Donnacona, os seus dous fillos e outros sete iroqueses para que contaran na corte francesa as historias que circulaban sobre terras ricas en ouro e outros tesouros, o Reino de Saguenay. Porén Cartier tivo que deixar atrás a Petite Hermine, ao non ter xa tripulación para ela. Nesta ocasión saíndo da desembocadura do Río San Lourenzo polo estreito de Honguedo, ao sur da Illa Anticosti e polo estreito de Cabot, ao sur da illa de Terra Nova. Chegaron a Saint-Malo o 15 de xullo de 1536.
Terceira viaxe (1541/42)
[editar | editar a fonte]Durante a súa estancia en París o xefe Donnacona difundiu información sobre o suposto reino de Saguenay, ben porque sabía que era o que querían escoitar os franceses ou ben realmente por confusión ou en referencia a lendas sobre o asentamento viquingo de Vinland. Estas historias de grandes xacementos de ouro e xemas aumentaron o interese da coroa francesa no novo continente, accedendo o rei Francisco I a organizar unha terceira expedición. Porén, desta non formarían parte ningún dos iroqueses tomados como reféns: Donnacona morreu en 1539, ao igual que varios iroqueses e outros casaron pero ningún volveu á súa terra.
Aínda que nun primeiro momento se lle encomendou a Cartier comandar unha terceira expedición cara a desembocadura do río San Lourenzo con dous obxectivos unha vez esquecido o paso do Noroeste, colonizar a zona e difundir a fe católica, o 15 de xaneiro de 1541 foi substituído por Jean-François de la Rocque de Roberval, amigo persoal do rei destacado nas disputas relexiosas contra os hugonotes que foi nomeado primeiro tenente xeneral do Canadá. Cartier si que formaría parte da expedición pero baixo as ordes deste último.
A expedición dividiuse en dous grupos, Cartier partiría primeiro con cinco barcos mentres Jean-François de la Rocque armaba o resto da frota. Así Cartier partiu de Saint-Malo o 23 de maio, chegando a Stadacona en agosto. Pese a que o recibimento foi cálido as relacións cos nativos deterioráronse, polo que decidiu instalar o asentamento río arriba, na confluencia do río San Lourenzo co río Cap-Rouge, na actualidade Cap-Rouge (Quebec). Os colonos, na súa maior parte reos liberados para tal fin, asentáronse, fortificando a colonia e construíndo outro forte nun acantilado próximo para maior protección. O asentamento bautizaríase coma Charlesbourg-Royal.
O inverno comezou sen que chegase o resto da frota e despois de organizar o asentamento Cartier partiu o 7 de setembro nunha expedición de recoñecemento na busca do Reino de Saguenay, porén non puido pasar de Hochelaga a causa do mal tempo. Durante este tempo foi acumulando o que el cría que era mineral de ouro e diamantes a través do comercio cos huróns e dous dos barcos foron enviados con estes minerais a Francia para que os analizaran, pero resultaron ser só pirita e cuarzo.
A súa volta a Charlesbourg-Royal Cartier atopa unha situación lamentabel, a relación cos iroqueses xa non era amigábel e no canto de intercambios comerciais había actos hostís, chegando a matar 35 colonos segundo varias fontes, polo que a pesar de contar co remedio para o escorbuto a situación é insostible e é consciente de que non ten forzas suficientes nin para manter o asentamento nin para atopar o Reino de Saguenay polo que decide regresar a Francia a comezos de xuño de 1942.
Na viaxe de volta cruzouse con Roberval e o resto da expedición o longo da costa de Terra Nova, porén pese aos intentos este non é capaz convencelo de regresar a Charlesbourg-Royal e segue camiño de Francia convencido de que nas súas bodegas levaba unha fortuna en ouro e diamantes. Roberval tomou o mando da colonia pero abandonouna en 1543 a causa das enfermidades, o clima e a hostilidade dos nativos.
Retiro
[editar | editar a fonte]Unha vez fracasada a súa empresa retirouse á súa residencia preto de Saint-Malo, onde morreu en 1557 a causa da peste.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Gravado de Cartier atribuído a Pierre-Louis Morin, en torno a 1854.
-
Monumento adicado a Cartier en Saint-Malo.
-
Territorio ocupado polos iroquese do Río San Lourenzo.
-
Tumba de Jacques Cartier na Catedral de Saint-Vincent de Saint-Malo.
-
Monumento a Jacques Cartier en Montreal.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Biografía de Jacques Cartier". Dictionary of Canadian Biography (en inglés e francés). Consultado o 26 de decembro do 2015.
- ↑ Jacques Cartier pensaba que estaba en Asia. A palabra «canada» deriva da voz «Kanata», un termo iroqués que se usaba na rexión para designar a aldea iroquesa de Stadacona, e que significaría na súa lingua «grupo de chozas», «pobo» ou «aldea».
- ↑ Alan Axelrod (2011). A Savage Empire: Trappers, Traders, Tribes, and the Wars That Made America (en inglés). p. 30.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Jacques Cartier |